Caligrafía démodé

Autoría: Fátima Mª García Doval
Republicado con autorización de http://discapacitodos.com/


Sen dúbida a noticia educativa o mes pasado foi a suposta desaparición da escritura manual na educación finlandesa. O 1 de decembro saltaba a bomba en todos os xornais nacionais: Finlandia cambiaba a caligrafía pola mecanografía nas súas aulas. Un cambio máis que disruptivo que, de anunciarse 28 días despois, pasaría por unha inverosímil inocentada.
No entanto, a pesar do disparatado da afirmación, en lugar de cuestionar a veracidade e precisión da noticia, toda sorte de tertulianos, xornalistas e opinólogos varios convertéronse, de vez, en expertos en pedagoxía e neurociencia. A pantasma das tardes pasadas en compañía do inefable caderno pequeno Rubio tocaron a moitos que, presas do desexo de vinganza, afiaron coitelos e gadañas. Se Finlandia pode, que son cabeza do mundo en educación, España que se poña xa.
Tal e como se puxo de manifesto ao día seguinte, Finlandia non se volveu tola. Non. O que ocorre é que lemos as noticias foráneas tirando de tradutor automático e ármase o belén. No país nórdico han decidido que xa está ben de obrigar por lei a que todo o mundo teña unha caligrafía ligada (a do caderno pequeno Rubio) e que, por tanto, esa destreza deixará de formar parte do currículo nacional. E iso con dúas puntualizacións básicas. En primeiro lugar, si se vai ensinar escritura manual, pero de corte máis tipográfico, como a que fai todo o mundo cando se libra do xugo de caderno de caligrafía. En segundo lugar hai que aclarar que será posible seguir ensinando e esixindo a caligrafía ligada xa que as escolas finlandesas teñen unha gran independencia curricular.
De todo este affair caligráfico o máis destacado, na miña opinión, foi ver as posturas de defensores e detractores, tan dogmáticas nas súas formas e no seu fondo como pobremente sustentadas a nivel científico. Poucas foron as persoas que se molestaron en pensar que, talvez (e só talvez) se Finlandia lanzábase a semellante piscina infestada de quenllas, faríao en base a unha sólida evidencia científica que avalase a proposta e evitase que, do ministro ao mestre, fosen todos devorados por unha masa de opinión enfurecida. As evidencias están, por regra xeral, en revistas científicas e aí é onde habería que buscar, en primeira instancia, xa non para sustentar opinións, senón para formalas.
Pero sen dúbida, o máis indignante para min foi a alarmante e intencionada mestura e confusión de opinións de dous perfís que, por desgraza, conflúen con demasiada frecuencia na mesma persoa e que nada teñen que ver: peritos calígrafos e grafólogos. Ningún dos dous pintaba nada, en calquera caso, no debate. Os primeiros dedícanse á, tamén chamada, caligrafía forense, comparando mostras de escritura manual para determinar se poden, razoablemente, atribuírse á mesma persoa, e que nada han de saber da bondade ou maldade de escribir a man, excepto porque, desaparecida a escritura manual, quedan sen traballo. Os grafólogos, pola súa banda, son uns charlatans practicantes dunha pseudociencia que pretende describir os trazos de personalidade dun individuo en función da súa letra manuscrita. Esta andrómena non ten máis validez que un horóscopo, a lectura das liñas da man ou a interpretación dos pousos do café.

Esta perigosa mestura do pseudocientífico e o verdadeiramente demostrado dáse, cada vez con máis frecuencia, na educación e, polo ben o noso sistema educativo hai que porlle coto canto antes.