Un novo curso rematou... chega o verán!

Un ano máis o curso chegou ao seu remate. Despois de nove meses de traballo, de esforzo e de ilusión, chega a época do ano na que, cos deberes feitos, podemos gozar do bo tempo. A todos aqueles que conseguistes boas notas, noraboa. Se non foi así, non vos preocupedes, cun pouquiño de traballo conseguiredes os vosos obxectivos. Aínda que estudedes un pouco tamén vós poderedes gozar da praia, da familia, dos amigos... en verán hai tempo para todo!
Dentro dun par de meses volveremos a vernos no colexio. De momento feliz verán.
Por certo, poño aquí a folla con deberes que adxuntei coas notas da miña titoría. Se queredes facédeos, e xa veredes que verán inesquecible vos agarda.


Chegou o verán…

Por fin chegou o remate do curso, e con el o verán. Durante este curso aprendiches un montón de cousas e agora chega o momento de descansar. Iso si, pensabas que non terías deberes para estes meses estivais? Pois claro que tes deberes. Tenta facelos, e xa verás como á volta de verán comezas o novo curso con máis ganas.

tarefas:

- Le moito, todo o que poidas. Converte o verán nunha aventura. Terás tempo para todo e ler fará que goces máis destes meses.
- Fai algunhas andainas en bici. Se aínda non sabes andar en bici, este verán é o momento ideal para aprender.
- Xoga moito e practica algún deporte, (non, de momento, ver a tele non é un deporte).
- Vai polo menos unha vez ao cine, e goza dunha película que che faga rir ou chorar, ou as dúas.
- Vai á praia. Aproveita para nadar e para construír un castelo de area enooorme. E lembra que hai que tomar o sol con protección.
- Mira a tele, algún programa que che guste, pero non moito. O verán é tempo de estar cos amigos, coa familia, ao aire libre… moito rato vendo a tele e non te decatarás que o verán pasa.
- Por que non aproveitas para comezar un diario? Escribir un pouco cada día fará que te expreses mellor e que mellores non só en lingua. Escribir fainos felices.
- Baila moito. Aínda que bailes fatal, (coma min), bailar danos alegría.
- Dille todos os días á xente que queres que os queres.
- Repasa un pouquiño todo o que vimos ao longo do curso. 6º será un curso fantástico e así comezarás con mellor pé.
- Por último, e case como un resumo de todo o anterior… sé moi feliz. Disfruta cada día.


Bo verán,