Educando en positivo

A convención sobre os dereitos do neno das Nacións Unidas recoñece ás familias como un grupo fundamental da sociedade e o medio ideal para o crecemento de nenos e nenas. Medrar nun entorno familiar que lles proporcione seguridade, amor e comprensión é a mellor forma de asegurarlles o seu normal e pleno desarrollo físico, emocional e social.
A socialización primaria na familia é clave para a formación de futuros cidadáns adultos, responsables e comprometidos coa sociedade. Esta socialización conséguese exercendo unha parentalidade responsable e positiva, baseada nos dereitos do neno, no afecto e tamén no establecemento de normas e límites.
A parentalidade positiva baséase en tres condicións: coñecer, protexer e dialogar.
Educar en positivo e dende o bo trato significa educalos sen recurrir a berros, insultos, ameazas, humillacións, azoutes... estes castigos causan nos nenos dor, tristeza, medo, soedade, culpabilidade e baixa autoestima, e está demostrado que non son eficaces na educación dos fillos.
Esta guía que traemos hoxe, elaborada co apoio do Ministerio de Sanidade, servicios sociais e igualdade, é parte do traballo de Save the Children para promover a parentalidade positiva. Esta, esixe esforzo, paciencia e dedicación. Non sempre é doado. Nesta guía ofrécense pautas e ferramentas que poden axudar aos pais e nais na súa tarefa máis apaixonante, a de educar aos fillos.

Para ler a guía, preme na seguinte imaxe.