Guía de Primeiros Auxilios


Durante os últimos anos asistimos a unha importante sensibilización da poboación cara aos métodos e ás técnicas de atención inicial ás situacións de urxencia. Xa non son soamente os servizos sanitarios, os bombeiros ou os corpos de seguridade os que teñen que realizar manobras de primeiros auxilios ou reanimación. Tamén o resto da cidadanía foi, pouco a pouco, implicándose na asistencia, cos seus coñecementos e cos medios dos que dispoñía nese momento.
Esta actitude permitiu que se diminúan os tempos de asistencia, xa que a alerta aos servizos de emerxencia se realiza de forma inmediata, e tamén, que se realicen manobras rápidas e sinxelas que conseguen manter o accidentado en condicións adecuadas ata a chegada do persoal sanitario.
Tamén a inclusión deste tipo de ensinanzas dentro das escolas e institutos permite formar unha poboación ávida de asumir coñecementos, cunha gran capacidade de retención destes e cunhas actitudes envexables para a colaboración e atención aos demais.
O presente manual de primeiros auxilios inclúe as situacións máis frecuentes ás que calquera poida ter que enfrontarse no día a día. Os autores, aos que felicito efusivamente, conseguiron sintetizar ao máximo os aspectos máis relevantes de cada problema e indicar con claridade o que se debe facer e o que temos que evitar en cada un deles.
É unha honra para min presentar esta obra realizada integramente por profesionais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que contribuirá, sen ningún xénero de dúbidas, por unha parte a consolidarse como o libro guía de todos aqueles que poidan ser nalgún momento os primeiros intervenientes nunha urxencia, e por outro, a manter actualizados e de acordo coas evidencias científicas os coñecementos de atención urxente inmediata.
Como di José Antonio Iglesias Vázquez (Director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061), o papel de todos ante unha situación urxente é primordial e saber actuar contribuirá ao éxito da atención. A satisfacción dunha actuación ben feita será a nosa maior recompensa e neste manual atopará o que precise para saber o que ten que facer con sinxeleza, rapidez e eficacia.

Para ler ou descargar, preme na imaxe: