E finalmente, outro final de curso...

Pouquiño a pouco outro curso foi pasando, case sen decatarnos. Nos últimos meses os rapaces e rapazas traballaron un montón, estudaron, realizaron proxectos... e agora, toca descansar. Algúns recollen o froito do seu esforzo tras duns meses de dedicación. Outros, o curso vindeiro, terán que esforzarse un pouco máis para acadar os seus obxectivos. Sexa como sexa, seguro que todos merecen un descanso. O curso faise longo.
Para nós, os profes, tanto tempo con eles crea lazos moi fermosos. Establécense vínculos que permanecerán aí para sempre, no recordo. O ano que ven, quizais, novos alumnos e alumnas, pero este curso será inesquecible. Todos o son. Cada un dos vosos fillos/as axúdannos a medrar como persoas: Non só aprenden eles. Nós tamén.
Para despedir este curso, hoxe vou a pór aquí os deberes que lle mando aos meus alumnos/as cada remate de curso.
E ollo, hai que facelos!
Disfrutade do verán. E pensade que o vindeiro curso será... fantástico.

Tarefas para o verán

- Le moito, todo o que poidas. Converte o verán nunha aventura. Terás tempo para todo e ler fará que goces máis destes meses.
- Fai algunhas andainas en bici. Se aínda non sabes andar en bici, este verán é o momento ideal para aprender.
- Xoga moito e practica algún deporte, (non, de momento, ver a tele non é un deporte).
- Vai polo menos unha vez ao cine, e goza dunha película que che faga rir ou chorar, ou as dúas.
- Vai á praia. Aproveita para nadar e para construír un castelo de area enooorme. E lembra que hai que tomar o sol con protección.
- Mira a tele, algún programa que che guste, pero non moito. O verán é tempo de estar cos amigos, coa familia, ao aire libre… moito rato vendo a tele e non te decatarás que o verán pasa.
- Por que non aproveitas para comezar un diario? Escribir un pouco cada día fará que te expreses mellor e que mellores non só en lingua. Escribir fainos felices.
- Baila moito. Aínda que bailes fatal, (coma min), bailar danos alegría.
- Dille todos os días á xente que queres que os queres.
- Repasa un pouquiño todo o que vimos ao longo do curso. O próximo curso será un curso fantástico e así comezarás con mellor pé.
- Por último, e case como un resumo de todo o anterior… sé moi feliz. Disfruta cada día.


Bo verán